La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, durante un xantar, correspondeume á miña esquerda unha muller con aspecto de ser intelixente e simpática. Era só unha impresión, pois ata aquel momento eu non coñecía máis que a aparencia, ademais do nome que figuraba na tarxetiña que tiña diante do seu prato. Despois, no transcurso da conversa, souben que era bióloga de profesión e que traballaba en terapia xénica, é dicir, que forma parte dun equipo de científicos que tratan de curar tumores cerebrais malignos mediante a utilización de xenes.

Segundo me contou, a cousa faise máis ou menos da seguinte maneira: practican un buraquiño minúsculo no cráneo do enfermo e por alí introducen un virus que porta un xen destinado a impedir que as células cancerosas se sigan multiplicando. Como todas as ideas xeniais, esta resulta dunha simpleza emocionante.

A miña compañeira de mesa falaba de todo isto cunha claridade  que eu lle agradecín, pois sei canto esforzo hai detrás destas cortesías da intelixencia. Tamén me falou da igualdade que existe entre todos os seres vivos, incluídos homes e lagartos. Así que, ser lagarto debe ser unha marabilla. Por suposto, un está contento de pertencer á clase ou ao reino diso que chamamos xente, pois sempre que non haxa outra xente disposta a matala, destripala, torturala ou amordazala, é tamén unha marabilla.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de novembro de 1996.