La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A conferencia que dei o xoves na Fundación La Caixa, en Barcelona, era de pago. Quero dicir que o público tiña que pagar trescentas pesetas* para escoitala. Cando me dixeron isto por teléfono, unha semana antes, quedei bastante sorprendido, incluso algo perplexo, a pesar de que hai anos, en Canadá, xa coñecera esa mesma experiencia. A sorpresa viña, máis que nada, de que fose unha fundación a que recorrese a ese tipo de métodos e tamén porque eu supuña que cobrar a entrada a unha conferencia debía de ser unha medida disuasiva.

A resposta que me deron ía exactamente na dirección contraria, é dicir, a demostrarme que chegaran á conclusión de que cobrar contribuía a animar á xente a asistir. O que se paga ten sempre máis valor. Nestas situacións, eu teño a tendencia, quizais excesivamente confiada, a respectar a opinión dos expertos, ademais de que no argumento que me ofreceron había unha lóxica poderosa, polo menos no que se refire á idea de que as cousas que custan diñeiro dá a sensación de que teñen máis valor que aquelas outras que se regalan. Pode ser.

O caso foi que tiñan razón os expertos: vendéronse todas as entradas e houbo que habilitar unha segunda sala, con circuíto pechado de televisión, para atender as demandas. Confeso que cando entrei no auditorio e vin o ambiente, quedei asombrado. De maneira que me dispuxen a que todas aquelas persoas, que pagaran por estar alí, o pasasen ben. O que fixen entón foi contarlles historias.  Como vin que rían, ás veces ás gargalladas, seguín. Deume a impresión de que estaban felices, como nenos aos que lles contan contos. Eu non o estaba menos. E por riba, pagáronme por facer aquilo. Para min foi igualiño que se me pagasen por comer un xeado de chocolate.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de novembro de 1999.

(*) Equivalente a 2 euro, aprox.