La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Chamoume onte un amigo de Ourense para preguntarme, en ton cariñoso de broma, cales son os dereitos das galiñas. Referíase ao artigo meu do mesmo día, no que eu utilizaba unha expresión semellante, aínda que supoño que el estaba pensando na cuestión do trato que se lles debe dar aos animais en xeral. A verdade é que ignoro se existe algún país no que estean protexidos os dereitos das galiñas da mesma maneira que están os das vacas na India. En todo caso, sen caer en extravagancias, ese é un problema.

Eu recordo a experiencia que me contou un parente meu sueco, que un día, ao saír do dentista, atopouse con que vía a xente reducida do tamaño das formigas. Mentres ía para a  casa, loitaba tanto contra o medo de estar volvéndose tolo como co pánico que sentía diante da posibilidade de esmagar a alguén dunha pisada.

Desde que oín contar aquela historia, moitas veces me teño preguntado que sucedería se iso fose certo, é dicir, se houbese uns seres humanos de tamaño normal e outros máis, tamén humanos, con zapatiños, chaquetas en miniatura e todo o demais, do grandor dunha formiga. Fagámonos preguntas. Un señor con présa, correndo pola rúa por calquera motivo apremiante, ¿tería  coidado para non esmagar un dos pequeniños? ¿E se un destes últimos lle subise por unha perna a un grande e lle pegase un mordisco?

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de novembro de 1993.