La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pasei preto dunha hora diante do televisor vendo un deses individuos que queren amañar o mundo. Fixeime nos labios, o lugar exacto a onde hai que mirar para descubrir os tramposos: unha carnosidade arrugada e tacaña de cu de galiña. Estes tipos procuran disimular cos ollos e coas mans o que a boca delata sempre de forma inequívoca. Ao final, resulta cómica a falta de coordinación entre ambas cousas, como nesas películas nas que a voz non se corresponde co movemento dos labios.

Estou seguro de que me atopo diante dun cínico: contundente, satisfeito, feliz polo púlpito. Para propoñerse a si mesmo como modelo para os demais e atreverse a predicar a benevolencia absoluta da propia doutrina, hai que ser bastante golfo, polo menos se un descarta que se trate dun idiota ou dun iluminado.

Coñecedor do percal, contei as veces que empregou a palabra honestidade ao longo da entrevista: catorce. Tratábase da propia, por suposto. Polo demais, non prestei demasiada atención ao contido do discurso, unha retórica que un coñece xa desde antes de empezar. A realidade non se atopa nunca nas palabras, senón na cara, concretamente nesa parte que digo. Desde logo, se os tales profetas fosen máis conscientes deste feito, debían levar todos un longo bigote. Da mesma maneira que se levan pantalóns.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de novembro de 1997.