La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non me acordo onde foi nin por que razón tiven eu acceso a aquelas confidencias, pero o certo é que nunha ocasión escoitei contar con toda clase de detalles, nunha xuntanza de café, como se cocera un pucheirazo electoral, pucheirazo ao fin e ao cabo, aínda que se tratase daquelas eleccións sen carne que se celebraban durante os tempos de Franco. Supoño que debían corresponder a aquilo que chamaban os procuradores polo terzo familiar, ou algo así. O señor que contaba a historia fora protagonista principal, ou sexa, que fora el mesmo  quen preparara a trampa, que lle resultou ben, pois ao final conseguiu que o candidato que apoiaba, por certo o máis aberto e liberal, triunfase nos papeis sen gañar a votación.

O procedemento, seguido con todo descaro diante da vítima, un home, por certo, a quen eu coñecín e que non semellaba ser persoa de grandes luces, era bastante sinxelo. Consistía en que o encargado de darlle a volta ao resultado ía sacando as papeletas unha por unha e léndoas en voz alta, mentres os partidarios dos dous contendentes anotaban nun papel. Como todos se fiaban do cantador, este cantaba o que quería. Por suposto que arrasou.

Este tipo de prácticas supoño que xa non son posibles no noso país, aínda que foron moi frecuentes no pasado democrático anterior á guerra civil e practicadas o mesmo polas dereitas que polas esquerdas, pois todos somos fillos de Adán. En Estados Unidos, sen embargo, sendo descendentes deste mesmo pai, teñen a vantaxe de que cren máis no Paraíso do que cremos nós, en parte porque len a Biblia. Por iso son máis inocentes. Esa é a razón de que un se resista a pensar que houbo fraude nas eleccións. Sería fatal para a inocencia dunha sociedade que cre, por exemplo, que o bico que lle deu Gore á súa muller durante a campaña merecía algúns votos. Non estaría ben que votos tan líricos acabasen tan mal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de novembro de 2000.