La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día vin un rato portugués. Quero dicir que era portugués porque o vin en Portugal. Foi en Chaves, no patio dun fermoso hotel que fixeron na fortaleza, mentres agardaba con outros amigos por Antón Risco, que se hospedaba alí. Era xa de noite e a temperatura parecía de verán, por iso estabamos fóra, gozando do aire fresco. O rato apareceu polo lousado, arrimado a unha parede, paseando. Digo paseando porque non se comportou desa maneira eléctrica que se comportan os seus, cando pasan correndo como chispas.

Este andaba con parsimonia, cheirando aquí e alá, sen apurarse. Podía ser un vello sen forzas, pero non tiña o aire canso dun ancián, senón a tranquilidade pachorrenta de quen non ten présa, iso que en galego se chama un pousafoles. Tampouco debía de estar enfermo, pois notábase como contento e vivo.

Nun momento, veume á cabeza a idea de se os ratos portugueses serían así, máis calmosos que os españois ous os suecos, que son os que coñezo, pero pareceume unha bobada típica do pensamento vago. Desa especie están feitas ideas como aquelas que sosteñen que os cataláns son tacaños, os alemáns teñen a mente cadrada, os andaluces son vagos, os italianos irresponsables e outras parecidas. Pois para min, no fondo, o que non vale para a xente non serve tampouco para os animais, incluídos os ratos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de novembro de 1997.