La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha vez, durante uns exercicios espirituais, o padre encargado de dirixir as meditacións díxonos a un grupo de rapaces que, se un era consciente de que Deus nos observaba de maneira ininterrompida, non debía meter o dedo no nariz nin sequera cando estaba só e illado no seu cuarto. Aquela noite, sentado no confesionario, o cura debeu de escoitar tantas consultas inocentes ao respecto, que ao día seguinte pola  mañá se sentiu obrigado a aclarar que o citado acto non se podía contar como pecado, só como porcaría.

A pesar de todo, a moitos non lle deberon cadrar ben as contas, porque ao día seguinte foi necesaria unha nova intervención, desta vez máis concreta. Había dúas maneiras de realizar a manobra: unha, demorada e sabrosa, en plan guarro, impropia dun fillo de Deus; a outra, máis discreta e civilizada, coa axuda dun pano.

O que quedou claro foi o principio: meter o dedo no nariz resultaba inevitable, do que se trataba era de facelo en privado e con elegancia, conscientes de que nunca estabamos sós. A min non me pareceu un mal consello, porque lle quitaba á boa educación o carácter dun comportamento externo, compatible con hábitos de becerro ou de vaca na intimidade. Vale moi ben para a vida moderna: unha cámara ou un teléfono poden descubrir que detrás de algo que parece unha ovella o que hai en realidade é un lobo feroz.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de novembro de 1995.