La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O xoves pasado, cando ía pola rúa do Barquillo en Madrid, camiño da reunión dun xurado, vin no medio da calzada un tipo aínda novo, de pouco máis de trinta anos, vestido con xersei azul e pantalóns grises, que coas mans postas en forma de buguina berraba sen recato en dirección a un piso alto.  Tardei en decatarme do que dicía, pero cando estiven máis preto del identifiquei con claridade o contido das voces que daba: “¡Señora marquesa! ¡Señora marquesa!” Así ata que a aludida apareceu timidamente no balcón.

Desde abaixo pareceume unha señora duns setenta anos, loura e ben vestida. Asomou a cabeza por riba da varanda e cun simple xesto, sen articular palabra, deu a entender que estaba disposta a escoitar. O mozo, que sen dúbida debía ser o porteiro, espetoulle un recado: que o electricista non podía vir antes das catro.

Comenteino aquel mesmo día pola tarde, xa de volta en Vigo, cun par de amigos. Un deles fixo un comentario irónico sobre a decadencia da aristocracia. Non foi ese, non obstante, o pensamento que a min me acudiu á cabeza cando presenciei o espectáculo. Naquel momento tiven a impresión de que o problema non estaba na discreta señora do balcón, senón no mozo que falaba a berros desde abaixo. Quero dicir que por riba de calquera metáfora política, nesta ocasión a razón cortés non caía da banda do pobo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de outubro de 1994.