La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo preguntoume onte se o caribe ese do que falei aquí o outro día, que me fixo un par de falcatruadas en Alacant hai uns anos, apareceu por fin na conferencia que dei o luns na universidade. Por suposto que non. A realidade, a pesar da capacidade que ten para crear situacións máxicas, non sempre se comporta con esa alegría. O individuo aquel, ou moito me equivoco ou opera mais ben lonxe dos recintos académicos, que non me parece a min que sexan lugares demasiado propicios para a estafa.

Cando eu escribín que me gustaría velo por alí, non o dicía por pedirlle contas nin por afearlle a conduta, senón porque me apetecía atopalo de novo. Este tipo de xente cáeme simpática dunha maneira inevitable. Ser un perfecto senvergonza non significa necesariamente ser antipático, nin sequera un canalla.

Estou seguro de que o individuo aquel, que procedía dunha vila de Lugo, non era mala persoa, senón golfo, que é distinto. Deume a impresión de que o título de médico que se outorgaba, coido que falso, ía dirixido en exclusiva a manter atada a el a unha modelo guapísima que lle servía de moza. Ese debeu de ser tamén o destino que lle deu aos meus cartos, aínda que non creo que lle servisen de moito, polo menos para conservar a moza. Tampouco me imaxino un drama. Esta xente só chora por pequenas miserias.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de outubro de 1996.