La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola noite, cando regresaba para a casa, un pequeno grupo de alumnos de bacharelato tiñan cortado o tráfico na Gran Vía. Protestaban polas taxas que van pagar dentro duns anos, cando cheguen á Universidade. Era, polo tanto, unha manifestación previsora, pura cautela ante os males que lles poidan ocorrer no futuro. Nada que obxectar a unha defensa tan anticipada dos propios intereses. Nun país onde tantas cousas se improvisan, a planificación ten que ser considerada unha virtude.

A poucos metros dos manifestantes, un grupo de policías observaban os acontecementos, contemplaban con indiferenza as manobras ilegais que facían os automobilistas para fuxir do atasco e comentaban entre eles que a culpa destas cousas a teñen os pais, que lles deixan facer aos fillos todo canto queren.

En cuestión de culpas, xeralmente as cousas nunca son o que parecen. Está claro que para a maioría dos españois de antes, Franco non era responsable de nada, senón os seus ministros. Das violacións non sempre teñen a culpa os violadores, senón que con frecuencia a ten a sociedade e, ás veces, mesmo as propias vítimas. Outro tanto se pode dicir de moitos ladróns e delincuentes. Por ese camiño imos chegar ao absurdo de dicir que a culpa de que se corte o tráfico a ten a policía.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de outubro de 1993.