La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O xoves pola noite, a iso das oito, fun ata o bar da miña aldea para ver un partido de fútbol que daban na televisión. O lugar estaba cheo de homes, aínda que ao final apareceu tamén unha muller, supoño que compañeira de algúns dos presentes, que estivo calada, sentada nun taburete, vendo a última parte do encontro. Chamoume a atención a falta de entusiasmo da xente, que non berraba nin se desesperaba, senón que simplemente seguía con interese as incidencias do xogo. Só porque eu xoguei ao fútbol de pequeno e coñezo moi ben as barbaridades que os afeccionados poden facer nun campo, non tirei a conclusión que tirou un amigo meu, a saber, que os galegos somos xente pacífica, tranquila e pouco apaixonada.

Por suposto, pero só cando non sucede o contrario. Eu recordo unha vez, nunha vila de Ourense que non vou citar aquí para que ninguén se sinta ofendido, que aos xogadores do Antela F. C., de Xinzo de Limia, nos tiraron de todo: pedras, paus, un zapato, bólas de aceiro e ata unha navalla aberta de dimensións considerables. En contrapartida, cando eles viñeron a Xinzo, o Queixo, o Cuco, o Carrolas e dous ou tres máis saíron ao medio do campo dispostos a vingar a ofensa recibida. A cousa rematou a centos de labazadas.

Eu máis ben penso que os homes que vían o partido o outro día na televisión estaban cansos. Coñezo a varios deles, albaneis, electricistas, peóns, que cando chegaron ao bar debían levar nove ou dez horas de traballo ao lombo. Neses casos, non creo que un teña ganas de poñerse a berrar. Por outra parte, tampouco o espectáculo deportivo daba moito de si. Tanto que, a partir dun momento, eu dediqueime a escoitar as conversas de arredor. Souben así, por exemplo, que un señor soñaba con comer un centolo da ría, que outro pensaba que iso da legionella foi botado adrede por alguén con intencións que non entendín e que outro máis estaba convencido de que os terroristas había que colgalos, xa se sabe como.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de outubro de 2000.