La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Teño un amigo profesor na universidade de Wisconsin que de vez en cando lles gasta bromas aos alumnos americanos. Por exemplo, entra na aula, abre o periódico e finxe ler un suceso catastrófico, con moitos mortos e algún horroor adicional. Cando xa ten captada a atención dos rapaces, introduce o factor que máis l le interesa, un disparate xeográfico: por exemplo, o accidente tivo lugar na fronteira entre Francia e Rumanía. Resulta raro que ningún dos alumnos demostre ningún tipo de sorpresa ou intente corrixir ao profesor. A inmensa maioría ignoran que os dous países citados non son fronteirizos.

A ignorancia xeográfica doa alumnos americanos é xa proverbial en España, onde se cita sempre como exemplo rotundo da incultura dos habitantes daquel país. De poucas cousas se seinte máis orgulloso o antiamericano español que desta verdade absoluta, tantas veces comprobada, da que cada un coñece varios exemplos incuestionables, que uiliza cada vez que ten que demostrar o que xa está demostrado antes de empezar calquera argumentación: que se trata dun país de bárbaros.

Barbaridade por barbaridade, non me parece menor a que comporbou un amigo meu a quen lle comentei as bromas do citado profesor de Wisconsin. O meu amigo repetiu a experiencia en varios cursos de alumnos españoles universitarios, pero cunha lixeira variante: en vez e situar a catástrofe na fronteira entre Francia e Rumanía, fíxoo no límite que separa a Almería de Málaga. O resultado foi similar. De onde se tiran algunhas conclusións. Primeira, que a ognorancia xeográfica está máis estendida do que parece. Segunda, que en cuestión de carencias culturais os españois non debiamos dicir nada dos americanos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de outubro de 1991.