La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, eu debía estar na miña casa de Vilariño, co lume acendido no salón, lendo algún dos moitos libros que agardan por min desde hai meses, ou contestando as cartas que empezan a formar unha morea da miña mala educación, ou escribindo algo no libro que empecei o domingo pola tarde. Iso era o que aconsellaban a sensatez e o sentido común. Pola contra, collín un avión en Vigo e fun a Madrid, ida por volta, para presentar unha novela de Bieito Iglesias, bo escritor e bo amigo. Confeso que non me arrepinto, entre outras razóns porque comín co novelista e a súa muller e botamos unha longa parrafada de varias horas, sentados nun restaurante agradable. Por suposto que non renunciei ao meu puro. O médico saberá comprendelo.

Estou convencido de que iso de fumar un bo habano non deixa de ser un disparate, polo menos en termos de saúde. Ocorre, non obstante, que a vida é algo máis que a propia saúde e a miña, de momento, sacando algún susto que outro, tampouco é tan mala. Despois de todo, o puro relaxa, tranquiliza, entretén, produce pracer. Non é raro que faga tamén algo de mal.

Este artigo estouno escribindo no cuarto dun hotel onde viviu Hemingway. Aquí mesmo, á beira da mesa sobre a cal descansa o ordenador portátil que sempre me acompaña, hai unha placa pequena, de prata, que recorda que este era o cuarto preferido do escritor americano. Para disparates, os que facía el, tanto de bebida como de comida, ademais das alegrías que lle procuraba ao corpo coas mulleres que andaban sempre arredor del. Eu, de momento, non excedo en case nada, a non ser no par de habanos cos cales me contento dúas veces ao día. Por certo que o mellor do puro é ter alguén ao lado que goce do seu aroma.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de outubro de 1999.