La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha vez, mentres paseaba cunhas amigas por París, de noite, moi preto da Sorbona, vin unha pelexa tremenda. En realidade, despois dos primeiros segundos de desconcerto, nos que un pensa moitas veces que está asistindo á gravación dunha escena cinematográfica, decateime de que aquilo era a vida mesma, nunha das súas versións moralmente máis degradadas. No chan había un home novo, sangrando con abundancia pola cara, que estaba sendo agredido por un grupo que lle daba patadas en todo o corpo, mentres el trataba de protexerse inutilmente.

Entre os agresores, que debían ser uns cinco, só un deles pretendía interpoñerse para evitar que a carnicería acabase de xeito irreparable. Foi a mesma escena que se viu o outro día na televisión, durante os acontecementos sucedidos en Belgrado, cando un grupo de enfurecidos tratou de linchar a un individuo que, con toda seguridade, sería un canalla. Nesas situacións, sempre hai alguén que ataca e alguén que protexe. Entre o odio e a piedade, un elixe o corazón que quere ter.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de outubro de 2000.