La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non sei cal foi a orixe daquela historia, pero durante anos díxose que o verdugo de Burgos vivía en Xinzo de Limia. Eu coñecino. Chamábanlle O Botero e era un home pequeno, agradable, un pouco solitario, quizais por non proceder do país, senón de Castela. O sambenito caéralle por riba con bastante eficacia. Para empezar, os nenos estabamos todos convencidos de que aquel señor exercía o citado oficio, pero tamén algunhas persoas maiores, igualmente seguras da infamia que rodeaba a vida daquel pobre infeliz.

Recordo unha vez que o vin atravesar a vila de parte a parte cun pequeno maletín na man. Naturalmente, pasoume pola cabeza que alí dentro debía de levar os instrumentos de traballo, pero non só a min, pois deseguida empecei a escoitar comentarios, como o dun veciño que dixo: “Ese ten tarefa mañá en Burgos”.

Anos despois, cando lin o libro de Daniel Sueiro sobre os verdugos españois, busquei o nome do meu paisano nas súas páxinas, pero non o atopei. Tal como eran retratados alí, non parecían boa xente. Non obstante, os verdugos americanos deben de ser persoas normais. As autoridades acaban de aceptar unha petición deles: que as execucións non sexan de madrugada, senón pola tarde. Semella unha reivindicación razoable. Desa maneira, aínda lles queda tempo de cear coa muller e ver un programa na televisión.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de outubro de 1997.