La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, cando xa tiña enviado este traballo de cada día, chamáronme deste periódico para pedirme amablemente se podía facer outro, pois dábase a circunstancia de que un compañeiro destas páxinas falaba exactamente do mesmo que eu falaba. Aceptei en escribir un novo artigo, xa sen moito tempo, pois era tarde e ademais ía saír. Senteime diante do ordenador e púxenme a pensar uns minutos, agardando que se me ocorrese algo. Ao pouco tempo acordeime de que tiña unha débeda.

Hai pouco, cando falei aquí da morte do noso gato, de todas as cartas que recibín lamentando a desaparición do pobre Tomás, houbo unha que non puiden responder porque non traía remite. Viña de Lugo e ía firmada simplemente por Mercedes, sen máis. Tratábase dunha nota breve, chea de cariño. Así que decidín contestar.

Cando tiña o artigo rematado, un apagón borroumo dun golpe da pantalla e deixoume a cabeza en branco durante media hora, sobre todo polo enfado que collín. Quizais podería intentar repetilo, pero xa non sería igual. Despois de todo, o importante era darlle as grazas a Mercedes, e aquí quedan dadas. Estou seguro de que ela saberá entender que non me estenda máis nin sexa moito máis explícito, en parte porque levo todo o día cunha ilusión: ir ao cine. Ás veces, o corazón ten estas debilidades de neno.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de outubro de 1995.