La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

De pequeno tratei bastante a un bárbaro; quero dicir que falei en moitas ocasións cun canteiro que andaba facendo unha casa nas inmediacións da que era dos meus avós e que durante a guerra se dedicara a matar xente polas gabias e polos montes. Naturalmente, entón eu non sabía nada, pero aínda moitos anos depois, cando souben da biografía monstruosa do personaxe, non puiden borrar da miña conciencia a simpatía que espertara en min cando era neno. Por iso me custou moito negarlle o saúdo.

Ao principio non quería aceptar que aquel home tan agradable, que me contaba historias tan bonitas, que me invitaba a gasosa os días de calor e que un día me cumpriu o capricho de subir ao alto dunha árbore para collerme un niño de pega que se me antollara, lle rebentara a cabeza dun disparo a varios veciños e que incluso chegara a pasarlle coa roda dun camión por riba da cabeza ao pai dun amigo.

Acórdome del ao ver estes días nos periódicos a tantos iugoslavos exhibindo na man a cabeza cortada dos seus rivais. Moitos deles sorrín ao mostrarlles ás cámaras tan horribles trofeos. Cando toda esta barbarie estúpida remate, algúns destes tipos volveran á súa vida privada e moitos deles poderán incluso chegar a ser boas persoas cos rapaces, como lle sucedía a aquel canteiro comigo. Non é frecuente que os asasinos leven impresa na cara, nin sequera en toda a alma, a imaxe tétrica da súa condición.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de outubro de 1992.