La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Contoumo o sábado un home relacionado co mundo do teatro que ensina na universidade de Barcelona. Un día, este señor propúxolles aos nenos dun colexio de educación especial facer algún tipo de representación, máis ou menos improvisada. Apenas o profesor acababa de enunciar a súa proposta, un dos rapaces dixo que el quería facer de can. Naturalmente, foille asignado ese papel, pero a sorpresa do educador foi enorme cando observou, nos primeiros ensaios, que o neno interpretaba o seu animal-personaxe cunha perfección absoluta, imitando os xestos e os movementos do bicho por riba de calquera ficción, como se aquel meniño, máis ca un rapaz con graves problemas mentais, fose un auténtico can.

Levado pola curiosidade e intuíndo algún tipo de situación morbosa no ámbito familiar do alumno, o profesor fixo averiguacións e atopouse cun feito raro. Mentres os pais ían traballar, o neno quedaba coa avoa, unha velliña que non vía outra maneira de controlalo que amarralo cunha corda e atalo despois a unha árbore. Fronte por fronte, había un can naquelas mesmas condicións.

Iso quere dicir que o rapaz pasou moitas horas da súa vida sen outra referencia que a daquel can amigo, ao que acabou imitando, tratando de comunicarse con el por medio de movementos e falando entre ambos os dous na linguaxe xestual do segundo. O profesor, para romper a situación que se tiña creado no colexio, na que o actor infantil seguía facendo o seu papel, en parte grazas ao éxito conseguido, decidiu levar un can verdadeiro á clase, para que o rapaciño se decatase de que un can é un can e un neno é un neno. Non foi fácil, pois o animal era tan bonito e tan querido por todos que a punto estivo de haber un problema de envexa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de outubro de 1999.