La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Se as rúas das cidades fosen de cristal transparente e se puidese andar por debaixo delas… Era o soño dun solitario da miña vila, ao cal non lle importaba imaxinarse a si mesmo vivindo baixo terra, condenado de por vida a unha palidez viciosa, só co propósito, nada difícil de imaxinar, de mirar para arriba cando pasasen as rapazas. Oínllo contar moitas veces, sempre coa mesma ansiedade luxuriosa de porquiño mental, entristecido pola certeza de saber que nunca o seu soño se convertería en realidade.

Todo chega, non obstante, aínda que para algúns veña con atraso. Hai xa tempo que a cidade de Montreal vai medrando baixo terra, duplicándose a varios metros de profundidade, como se sabe. Un arquitecto propón agora que as rúas de arriba sexan dun material transparente; neste caso, por razóns de iluminación.

Por suposto, xa empezou a polémica, aceda e violenta como sucede sempre que se fan estas propostas arriscadas. A máis intelixente, a protesta dun señor que asegura que os coches, vistos por debaixo, van ser un espectáculo insoportable, máis feo que calquera dos moitos adefesios urbanísticos que pouco a pouco van destragando a estética das cidades. Non lle falta razón. Do que ninguén falou aínda é do problema que tanto preocupaba ao meu paisano. Que é un problema.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de outubro de 1993.