La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alguén acaba de aclararme que os negros non son “baixos en melanina”, como escribín onte, senón todo o contrario, é dicir, altos. O cal é unha sorte para os inventores desta nova maneira de falar que pretende ser correcta, xusta e non discriminatoria, pois en caso de que fose ao revés, xa tiñamos un problema: a xente que carece de algo, aínda que sexa un pigmento, podería sentirse ofendida. Agora só falta que os brancos  máis puntillosos ou maniáticos se queixen porque lles chamen “baixos” nesa cuestión citada.

Hai tempo que un profesor de Barcelona empezou cunha práctica semellante a esta que nos está chegando de América. Nos seus libros e nas súas conferencias utiliza sempre o termo “humanes”, en vez de humanos, supoño que para evitar o emprego dun vocábulo masculino que abrangue a todos, homes e mulleres.

Ignoro que fará coa palabra persoa, que neste caso funciona ao revés, pois é feminina, pero engloba tamén ao masculino. Para manter a coherencia debería dicir “persoe” ou algo polo estilo. Os exemplos son tantos e contraditorios que calquera pode xogar a facer disparates sen demasiado esforzo. Metidos nisto, talvez o máis sensato sexa ir á raíz do asunto e poñer todo patas arriba, que é o que se fai nas revolucións, como unha amiga miña que nas clases, cando hai rapazas e rapaces, di sempre: “Estade caladas”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de setembro de 1995.