La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polos anos 1957 ou 1958, o gánster Johnny Stompanato, famoso como amante entre algunhas mulleres coñecidas de Hollywood, morría dunha puñalada na barriga nunha luxosa mansión do barrio de Beverly Hills. Moitas persoas recordarán aquel suceso desgraciado porque a autora da morte era a filla da actriz Lana Turner. Nos días que seguiron, as revelacións que saíron á luz no transcurso do xuízo deron unha imaxe moi pouco idílica daquela moza que se contvertera en estrela de cine anos antes cun papeliño de nada.

Diante do tribunal, Lana Turner fixo un papel magnífico, sobre todo cando describiu con detalles de experta narradora o momento do crime: o sangue no peito de Johnny, o terrible ronquido que lle saíu da gorxa e o intento de facerlle a respiración boca a boca máis como un xesto de amor que por prestarlle un último auxilio.

Despois do fallo absolutorio do xurado, os columnistas caeron como mazos sobre a artista. A xente, en cambio, seguiu prendada dela: aplaudíalle nas películas e enviáballe flores. Algo máis vella, esa foi a muller que chegou o outro día a San Sebastián. Mickey Rooney dixo nunha rolda de prensa que Lana tivera un fillo del. A resposta da actriz, chuspindo de lado con desprezo, foi moi aplaudida. Alguén comentou que fora unha reacción parecida ao que sucedeu coa morte de Stompanato. Si, pero coa barriga de Mickey intacta.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de setembro de 1994.