La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos, o día da coroación de Xoán XXIII, un grupo nutrido de persoas da miña vila xuntáronse no casino para seguir a cerimonia pola televisión. No momento de colocarlle ao Papa a tiara sobre a cabeza, un funcionario público daqueles que se chamaban “enchufados”, non moi ben querido pola súa afección ás pistolas e o desprezo á vida dos demais, dixo en voz alta que a “piara” era de outro. Tratábase dun tipo bastante bruto, que tamén utilizaba a expresión “pataca minuta” en vez de “peccata minuta”.

Nisto da lingua ninguén está libre de meter a pata. Hai en Madrid un periodista moi famoso que periodicamente se empeña en cualificar de “inconsútil” a algunha muller. Con toda seguridade debe pensar que esa palabra talvez quere dicir subtil ou algo parecido, e non “sen costura”, que é o seu verdadeiro significado.

Eu mesmo recordo, cando ía á escola, que un día me atrevín  a corrixir un libro onde puña “aniversario”, pois estaba convencido de que o correcto tiña que ser “universario”. A ignorancia é sempre moi atrevida e raramente se detén, nin sequera diante do ridículo. Dito isto, gustaríame citar a Javier Clemente, o seleccionador de fútbol, non para afirmar que sexa un ignorante, que non me consta, senón para comentar a graza que ten cando di que uns falan de filosofía, pero que el prefire falar de concepto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de setembro de 1995.