La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha rapaza americana chamada Andrea Zittel, de vinte e sete anos, decidiu un día coller un ovo de galiña, chocalo, criar o pito cando nacera, sacrificalo cando fora grande e finalmente disecalo. Unha historia só insignificante na aparencia, pois do que se trataba era de facer unha obra de arte encamiñada a explorar a cuestión da posesión e a propiedade, é dicir, como o feito de darlle a vida a un ser, neste caso o pito, concédelle tamén a un o dereito de matalo. O proxecto fracasou porque ao final a artista encariñouse co bicho.

É probable que tal decisión fose negativa para a arte, pero está claro que acabou sendo unha sorte para o polo, que agora vive, rodeado de mimos, nun apartamento de Nova York. Ademais, o fondo filosófico do asunto estaba mal concibido: quen tiña que decidir sobre a sorte do animal era a nai galiña, non a propietaria.

Arrepentida da acción que a proxectara, a rapaza americana cambiou de orientación. Agora construíu unha máquina de plástico e madeira coa intención de que tres galiñas aprendan a voar. A semana pasada viaxou co artiluxio e os animais ata Venecia, onde os vai expoñer na Bienal. Será, sen dúbida, un dos atractivos da exposición, que este ano parece que aposta contra a violencia. A incógnita non está en saber cal vai ser a reacción dos críticos, que resulta inimaxinable, senón da industria americana do polo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de setembro de 1993.