La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Creo que a palabra anano xa non é correcta. Escoiteillo dicir hai anos ao meu amigo Rafaelito Cacá, que andaba no Bombero Torero e que un día, nun programa de televisión, comentou que el prefería que lle chamasen pequeno. Digo isto porque o que vou contar tivo como protagonista a un señor desas características, a quen vin pola rúa, sometido ás monadas, seguramente inocentes na intención, como se verá despois, dun grupo de rapazotes en trance de divertirse sen se decatar de que lle estaban facendo mal a outra persoa.

Ía o pequeno el só polo medio dunha rúa peonil, cando de pronto, un dos mociños, que estaba parado coa pandilla diante dun comercio de fotos, púxose detrás del para medirse, non tanto para resaltar a altura desproporcionada do seu corpo adolescente, como para facer unha broma, convencido quizais de que a vítima non se ía decatar. Equivocouse porque recibiu unha lapada sonora, de remanguillé, ao mesmo tempo que o ofendido lle dicía: “Escoita que chove”. Impresionoume a serenidade do pequeno, que nin se inmutou.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de setembro de 2000.