La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola mañá, mentres fóra chovía cunha furia impropia deste primeiro tempo do outono que empeza, démoslle os últimos repasos a isto do labirinto, aquí na Casona de Verines. É unha palabra coa que estamos todos obsesionados, presente incluso nas bromas e nas conversas que transcorren á marxe da sala onde se celebran os debates, fronte a un mar Cantábrico escuro e alterado. Non obstante, esta obsesión non nos permite avanzar moito nas conclusións. O único claro é que todos nos queixamos.

Poucos reparan en que estar aquí parece un regalo da vida. Que collan as dúas ducias de persoas interesadas na charla e no coloquio, que as depositen durante varios días nun fermoso lugar tranquilo e que a cambio non lles pidan outra cousa que discutir con calma de asuntos que lles gustan, parécese moito a un privilexio.

Persoalmente o único que botei en falta foi un tempo algo mellor. Coa chuvia e o vento non puidemos baixar a dar paseos pola praia coma outros anos, nin visitar as covas antes do almorzo, cando a marea o permite, nin tomar café na terraza, arrolados pola agradable monotonía das ondas. Tampouco houbo moita disposición para facer excursións nocturnas a San Vicente de la Barquera ou a Llanes, a tomar unhas copas. Non se pode pedir sempre que todo saia tan ben. Ademais, a chuvia deste tempo tampouco está tan mal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de setembro de 1994.