La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Recordo a don Honorio, un enaniño de bo parecer, ben feito e perfectamente vestido, sempre de pé á porta da tenda de Lepina, alá en Xinzo, tan digno e tan posto, vivindo do prestixio dunha alcaldía que detentara antes da guerra. Tina lenda. Dicíase, por exemplo, que tomaba un frasco diario de aspirinas e que lle sentaban moi ben; voracidade que contrastaba coa cativez dun corpo case minúsculo. Tamén se aseguraba que a súa escasa dimensión non afectaba por igual a todas as partes da súa menguada anatomía, sobre unha parte da cal se contabanenormidades e desmesuras.

O que sí daba era unhas patadas terribles. Tiñamos os nenos o mal costume de lle ir dicir bos días ou boas tardes ao pasar, algo que non aturaba, aínda hoxe non sei por que motivo, e que castigaba cuns couces furiosos e precisos. Naturalmente, a broma suprema consistía en coller a algún infeliz recén chegado á vila e pomelo en disposición de saudar a aquela fera desatada. O aspecto cómico da escena, coa vítima perfectamente colocada para recibir o castigo, e a contundencia deste, seguido da cara de sorpresa absoluta do mallado, non fai falla describilas.

Como eu era un neno ben educado, dos que saudabansempre ás persoas maiores, aínda sen pretender ofender a son Honorio, alguna vez pasei os meus apuros. Recordo unha vez, polas estas patronais, que ía eufórico camiño da praza, onde estaban montando os títeres e os cabalinos. A emoción incrementaba o tono da miña voz dicindo bos días a toda canta persoa coñecida me cruzaba na rúa. Ó chegar á altura de don Honorio non fixen a excepción obrigada e largoume o couce correspondente aínda que sen atinarme. Foi a única vez na miña vida que dixen perdón por saudar a unha persoa. Por auposto, mentres corría.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de setembro de 1991.