La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días falei de dúas experiencias nas que me tocou ser desprezado, unha por querer mercar unha cámara antiga e a outra cando quixen comprar un cinto. Peor foi un día que entrei nuns grandes almacéns para adquirir unha gabardina. O señor que me atendía deume un exemplar da marca que lle solicitei, inglesa como a que acababa de gastar. O certo é que me sentaba como un tiro. Sen abrir a boca, o home facilitoume outra marca.

Púxena, mireime e observei que me sentaba moito mellor, pero non me gustaba, sobre todo porque levaba na cabeza a idea de mercar unha como a outra. Insistinlle para que me trouxese un modelo distinto da marca que eu quería. Con cara de paciencia, axudoume a vestir unha especie de sotana espantosa, peor aínda que a primeira. Refugueina, naturalmente, e expliqueille que non ía levar a que el me pretendía vender, porque tiña pensado na marca inglesa citada. Nada máis escoitarme, dixo: “Vostede pensou nesa marca, pero esa marca non pensou en vostede”. A min deume a risa e el enfadouse moitísimo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de setembro de 2000.