La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns anos, nun deses locais nocturnos que tanto proliferan en Compostela e nos que antes abundaban as tertulias e reunións dos noctámbulos, un día escoitei unha insensatez colosal. Un rapaz que estaba casado cunha rapaza alemá, e que vivira cinco anos no país da súa muller, explicaba con graza e intelixencia como eran os alemáns, como pensaban e como vivían. Nun momento, un dos contertulios, que non parecía de acordo, pero que nunca estivera en Alemaña, díxolle: “Non tes nin zorra idea”.

O motivo da discrepancia baseábase en que o opinante pensaba que as explicacións do meu amigo eran puramente subxectivas, alleas a calquera análise obxectiva da realidade. Un estudo científico do comportamento da sociedade alemá, aseguraba o personaxe, tiña que entrar en aspectos tan determinantes como a loita de clases ou os intereses do gran capital, por poñer un exemplo.

É unha mostra elocuente do que podemos chamar o pensamento preguizoso, unha maneira de discorrer que o explica todo cun esforzo mínimo. Para iso abonda con facerse cun pequeno esquema fácil de aprender e sinxelo de aplicar. De aí que ao personaxe público do que falabamos antes de onte lle baste con dicir que o Tratado de Maastricht é unha trampa preparada polo gran capital alemán para someter ao resto de Europa. É unha explicación clara e sinxela, que ademais aforra o traballo de pensar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de setembro de 1992.