La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Quero aclarar que ese amigo do que falei onte aquí e que come gatos non é ningún bárbaro, senón un home con gusto, que incluso practica, a horas libres, unha das artes clásicas. En primeiro lugar, un gato non é ningún bicho feo, como poden ser unha cobra, un lagarto ou unha rata. É certo que, no tocante a comer, ten hábitos pouco agradables, aínda que cada vez menos, pois a xente dálle proteínas especialmente fabricadas. Se xulgo polo que come o noso Tomás, os gatos compórtanse na mesa como señoritos.

Polo tanto, no caso do meu amigo, non se trata dun asunto de brutalidade ou salvaxismo, senón dunha rareza gastronómica. Xa se sabe que nesta cuestión danse toda clase de extravagancias. Eu coñecín un escritor sueco que aseguraba ter participado nun banquete en China, no que lles serviron monos vivos, non digo para que.

Na mesma Suecia, un dos bocados máis exquisitos, segundo os expertos, é un peixe podre conservado nun tarro de cristal, que parece, cando se abre, que rebentan os pozos negros de todo o barrio. Por outra parte, ben mirado, o polbo é un animal bastante repulsivo, por moito que se alimente de nécoras, segundo din. De xeito que as afeccións deste amigo do que falo entran dentro da normalidade. Penso, pois, que a dificultade está noutro sitio: para min, comer a Tomás, por exemplo, sería como comer a un primo ou un sobriño.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de setembro de 1995.05