La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A mañá de onte dediqueina a asuntos burocráticos. Pasei polas oficinas da universidade para recoller os papeis. Atendeume unha señorita moi amable, de orixe hindú, que me arranxou todo: fíxome o carné de Profesor Visitante, deume unha ficha para cubrir cos nomes das persoas a quen quero que avisen se me poño malo, entregoume a lista dos alumnos apuntados no meu curso e logo foime advertindo de que en todo o recinto universitario está prohibido fumar, que o acoso sexual é un delito e que a universidade ten un comité formado por alumnos e profesores para recibir as denuncias e abrir as investigacións pertinentes.

Informoume tamén de que as drogas, de calquera tipo e en calquera forma, están igualmente prohibidas na universidade e deume noticia dos mecanismos de denuncia e dos procedementos de investigación e sanción. Por último, comunicoume que na universidade non se poden portar armas, incluídos coitelos e navallas. Curiosamente, esa norma vale para todos, mesmo para o persoal de seguridade.

Cumprindo co seu deber, a señorita amosoume a aula onde vou dar as clases: nun piso corenta, diante dun ventanal a través do cal se ve, en primeiro plano, o Empire State e logo o resto de Manhattan, incluídos os dous ríos. Pareceume unha das vistas máis fermosas de todas cantas teño observado na miña vida. Compensoume da sesión que acababa de pasar sobre as drogas e todo iso. Logo, xa na casa, repasei os papeis que me dera a señorita e houbo un que me chamou a atención. Era unha estatística que dicía que no último ano non houbo en toda a universidade, que ten cento corenta mil alumnos, nin un só problema de drogas, tabaco, armas nin acoso sexual.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de setembro de 1998.