La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días, ao acordarme das rosquillas do Ramón, a memoria fóiseme cara aos anos felices de Beiro. Co paso do tempo, ata os dramas se converten en comedias, ou en actos heroicos, segundo se mire. Lembro unha noite de verán, cando estabamos xa todos na cama despois dunha velada preciosa, na que o meu tío Xosé tocara o piano e se puxera a tirar moedas á rapañota, só polo pracer de vernos aos rapaces pelexando entre risos por coller uns céntimos destinados a unha ucha na que cabía un mundo enteiro de ilusións.

De súpeto, escoitáronse uns golpes na porta e unha das miñas tías pronunciou unha palabra terrible naqueles anos da posguerra: “¡Os atracadores!” Sen que ninguén se parase a pensar un momento, todos deron por feito que iamos ser asaltados e os homes organizaron a defensa da casa. Como por arte de maxia apareceron pistolas, escopetas e outros artefactos defensivos que os pequenos mirábamos como marabillas. A decepción foi absoluta cando se comprobou que só se trataba dun peregrino. A paz, por fortuna, é aburrida.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de setembro de 2000.