La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A finais do mes de xuño, mentres agardaba un avión en Nova York para viaxar a California, un señor que ocupaba un asento á miña beira miraba con moita atención as páxinas interiores dunha revista. Observando de esguello, decateime de que estaba contemplando as fotos dunha muller espléndida. Deseguida comprobei que se trataba dunha reportaxe sobre Diana de Gales. Uns días máis tarde, cando me chegou o número de Vanity Fair correspondente ao mes de xullo, tamén eu me demorei mirando as mesmas fotos.

Como escribín por aquelas datas neste mesmo recuncho do periódico, Diana estaba guapísima. Con todo, o que máis me chamou a atención, como dixen tamén daquela, foi o retrato psicolóxico que a periodista encargada de comentar a reportaxe facía da rapaza que agora acaba de morrer: dicía que era unha boa persoa.

Entre as virtudes que lle atribuía, a maior parte delas non significaban demasiado, pois pódense predicar de moita xente: simpática, xenerosa, sinxela, agradable… Había algo, non obstante, que xa non me pareceu tan común: a capacidade de Diana para facer o pallaso cando estaba cos amigos e imitar outras persoas. Esta mañá, escoitando na radio a un señor que a describiu como histriónica, irresponsable e mala nai, imaxinei como se podería imitar a este individuo. Demasiado como voitre; quizais só como un cabronciño.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de setembro de 1997.