Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es
La Voz de Galicia
Blogs de lavozdegalicia.es
Á marxe do tempo

Eses africanos que veñen

28 de agosto de 2015 a las 0:35

Eses africanos famentos que atravesan o Estreito con perigo para vir recoller as farangullas que nos sobran aos demais, tráenme á memoria un episodio sucedido hai anos nas terras da Limia, concretamente na parroquia de Sabucedo, onde un tío meu exercía de médico rural. Unha mañá terrible de frío, auga e vento, ao meu tío entroulle polo patio adiante unha grea fantasmal de homes mollados e aterecidos, con barba de días, moitos deles enfermos e con febre, e todos cheos de fame e miseria.

Eran portugueses que ían camiño de Francia. Un negreiro tiña comerciado con eles. Despois de cobrarlles un anticipo, tróuxoos dando tombos e voltas polos montes, camiñando en forma de ese ou zigzag, para que pensasen que a ruta era longa, pero sen avantar máis de doce quilómetros en varios días. Finalmente, situounos fronte ao canal de desaugue da Lagoa de Antela e díxolles que Francia estaba do outro lado.

Un bicho sen alma como este que mandaba aqueles portugueses a unha morte segura, dada a forza das augas do canal naqueles días de natureza desbordada, está sempre detrás de cada grupiño destes africanos que colle a Policía española ou que naufragan antes de chegar á terra soñada. Sempre a miseria duns lles serve a outros para gañar uns cartos. Son diñeiros podres, horrible calderilla acuñada no inferno, pura moeda de Satanás. Oxalá a teñan que gastar en medicinas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de agosto de 1992.

Marxe
Escrito por amarxedotempo 1 Comentario
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Una respuesta a “Eses africanos que veñen”

[…] as relacións humanas e económicas a ambos lados da raia. Contábanos Carlos Casares na Marxe do 28 de agosto de 1992 en La Voz de Galicia “un episodio sucedido hai anos nas terras da Limia, onde meu tío […]

 

Deja tu comentario