La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai máis de cento vinte anos, alá por 1875, o célebre marqués de Orovio, que daquela era ministro de Instrución Pública, firmou un decreto suprimindo a liberdade de cátedra. A causa, en principio, foron as explicacións de dous profesores de ensino medio de Galicia, catedráticos de ciencias, que lles explicaban aos rapaces a teoría da orixe das especies, segundo fora establecida uns anos antes por Darwin. Sometidos a expediente por impartir doutrinas que non estaban de acordo coas verdades proclamadas pola Igrexa Católica, os citados profesores recibiron a solidariedade de varios colegas seus da universidade de Santiago e do resto de España.

Este episodio cóñecese na Historia de España como a “cuestión universitaria”, que supuxo unha conmoción na vida intelectual da época, pois como consecuencia daqueles feitos abandonaron a universidade, en sinal de protesta, figuras como Castelar ou Salmerón. Outros, como Francisco Giner de los Ríos, foron expedientados e encarecerados. De aí naceu a Institución Libre de Enseñanza.

Unha batalla semellante é a que se libra estes días nalgunha parte dos Estados Unidos, onde algúns responsables do sistema educativo local pretenden que os rapaces non aprendan as ideas de Darwin, pois estiman que van en contra do que afirma a Biblia respecto da orixe dos homes e as mulleres. Se non fose porque debaixo de historias como esta hai dramas íntimos, conciencias atormentadas e dogmatismos intolerantes, non pasaría de ser unha estupidez. Con todo, non deixa de ser reconfortante que lles levemos tantos anos de adianto aos americanos. Se seguen así, de usar tan mal o cerebro poden acabar parecéndose a algúns monos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de agosto de 1999.