La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pasei o día de onte estribillando coas cámaras vellas, todas elas de fol (para aqueles aos que lles soe raro esta palabra, direilles que esa é a única forma correcta de dicir en galego o que se chama “fuelle” en castelán), adquiridas en tendas fotográficas e anticuarios de media Europa. O que máis me chama a atención son dúas cousas: en primeiro lugar a súa beleza e o seu deseño; en segundo, a robustez e a calidade dos materiais empregados, o mesmo dos metáis que as lentes ou os cromados, impecables a pesar dos anos transcorridos.

Hai, sen embargo, outro pensamento que se sobrepón a estes. Penso nos seus antigos propietarios. Por exemplo, nesa persoa que no ano 1930, nalgunha cidade do centro de Europa, mercou a Voigtländer Jubilar, agora no meu poder. Non me custa evocar a felicidade do momento, pero tampouco a vida do seu dono. Seguro que pasou a guerra. Hai que imaxinalo gardando o seu tesouro, esperando tempos mellores para retratar a familia. E logo, a necesidade de vendela e a súa tristeza. Dedícolle a alegría que me deu sen sabelo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de agosto de 2000.