La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Como adiantei o outro día, estiven falando varias horas con Domingo García-Sabell sobre a morte, un tema que moitos pensarán ue é macabro. Debo dicir que o fixemos despois de comer ben nun restaurante, fumando ambos os dous uns puros enormes, mentres fóra ía un tempo excelente, pleno de luz e de sol, ideal para estar tirado nunha praia, cousa que non nos gusta nin a el nin a min. Pódese pasar un momento agradable divagando sobre un asunto como ese? Por suposto que é posible, sempre que un teña como interlocutor un home vital e optimista de noventa anos, intelixente e culto, ademais de bo contador de historias e de anécdotas.

Non vou contar aquí con detalle de que falamos porque entón lles arruíno a entrevista aos amigos do suplemento de cultura que ma pediron. Non me resisto, non obstante, a contar algunha cousa. A primeira e máis importante, que resulta moi grato falar cunha persoa desa idade e que manifesta de xeito completamente natural, sen pedanterías nin alardes, con convicción serena, que non lle teme á morte.

A segunda, a certeza clínica de que o momento exacto da morte non é nin difícil nin ingrato, senón pracenteiro, o cal non quere dicir que as horas, as semanas ou os anos previos, cando un sabe que vai morrer porque ten unha enfermidade incurable, non sexan angustiosos. A terceira e última, a confianza de que despois da morte segue habendo algún tipo de vida. Non unha vida orgánica, cando nos reintegramos na natureza e pervivimos convertidos noutra cousa, senón unha vida na que participa a nosa conciencia individual. Foi esta última crenza a que máis me conmoveu. A persoa que mo dicía, mentres falaba, sorría cuns ollos claros e vivos, moi vivos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de agosto de 1999.