La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte vin unha señora histérica dándolle unha tunda a un neno de seis ou sete anos. O espectáculo transcorría en plena rúa sen que aquela muller sentise o máis leve pudor por comportarse en público dunha maneira tan pouco civilizada. O motivo debía ser unha rabecha do pequeno, porque as labazadas ían acompañadas de gritos que aludían á mala educación do infeliz, posiblemente encaprichado con calquera desas cousas que nun momento os rapaces consideran imprescindibles.

Posteriormente, nunha reunión de amigos falamos dos malos tratos e alguén fixo referencia á lexislación que xa hai nalgúns países de Europa e que dispón a existencia dun xuíz especial para atender aos nenos que son golpeados na súas casas. O dato provocou certa polémica, pois algún dos asistentes consideraba excesivo e mesmo perigoso que un raparigo poida ir denunciar os seus propios pais.

A discusión rematou cando alguén contou unha historia sucedida en Chile e que dicía ter presenciado. Resulta que unha nai viaxaba no tren cun pequeno totalmente vendado na cabeza, como se fose vítima dun gran descalabro. Por riba, sen consideración para o seu estado, batíalle e insultábao. Entón, un dos pasaxeiros recriminoulle a conduta en atención a que o neno xa estaba ferido. ¿Ferido? A señora retiroulle as vendas con furia e o que había debaixo era un ouriñal empotrado na cabeza.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de agosto de 1992.