La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha cea de amigos de moitos anos, despois das bromas inevitables sobre calvas, barrigas, papadas e outros desastres do tempo, acabamos falando de cando eramos nenos. Por levarlle a contra a unha das mulleres, que nos acusou de ser uns infelices, metímonos nunha conversa absurda, na que o motivo principal da discusión era se os rapaces de antes nos comportabamos dunha maneira máis cruel que os de agora. En xeral, os homes defendiamos a tese de que eramos moito máis salvaxes.

De pronto, alguén recorda que un dos comensais un día matou un gato dunha pedrada: un acto cruel e gratuíto, absolutamente innecesario. O aludido, que agora anda metido en ecoloxías, protección de animais e outras bondades inocentes, acentúa aínda máis o carácter monstruoso do suceso engadindo detalles espeluznantes.

Foi na estrada de Celanova, un día de inverno, ao final dun partido de fútbol, haberá corenta anos: a pedrada deulle ao bicho na cabeza e deixouno espernexado no chan. Despois desta primeira lembranza, alguén di que el tamén matou un paxaro, outro asegura que matou un coello, un máis que lle cortou o pescozo a unha galiña. En plena orxía de sangue, unha das mulleres entra na conversa: “Nunca imaxinei que sería tan emocionante cear cunha pandilla de asasinos tan bárbaros coma vós”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de agosto de 1993.