La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai algo máis dun mes, estando en Moscova, tiven unha longa conversa cun escritor ucraíno que odiaba os rusos e que non se recataba de dicilo. Falando da guerra de Chechenia comentoume que era unha sorte para os habitantes deste país o feito de que o exército ruso fose un exército de opereta, unha especie de mangallón dotado dunha enorme forza bruta, pero sen unha cabeza que pensase con algo de sentido común, pois durante moitos anos os militares soviéticos non foran máis que títeres en mans do Partido Comunista, que non pensaba, só facía propaganda.

Con matices, quizais se podería compartir parte do discurso, pero hoxe gustaríame que aquel rapaz non tivese razón e que Rusia contase cun exército moderno, ben entrenado e eficaz, non pola guerra de Chechenia, senón para que rescatase con vida a ese cento de mozos atrapados no interior do submarino con graves problemas no mar de Barents. Por unha vez, esa máquina militar que aínda podería destruír medio mundo debería ser capaz de salvar cen vidas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de agosto de 2000.