La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A unha amiga miña, de nena chamábanlle sabandixa. Quero dicir que eu escoitaba a súa nai berrándolle e dicíndolle sempre, como remate, aquel insulto. A rapaza era algo rabuda e rabisaca e repúñase con moito xenio cando lle rifaban, pero polo demais debía ser igual que todas as pequenas do seu tempo, un pouquiño respondona. Aquela palabra, non obstante, dáballe un aire de pequeno bicho ruín, de cobra ou de víbora, que eran nomeadas que algunhas nais tampouco lle aforraban ás súas fillas cando se enfadaban.

Había tempo que eu non escoitaba chamarlle sabandixa a ninguén, pero o sábado oín de novo esa palabra, desta vez empregada por un señor para referise ao compañeiro con quen estaba tomando café nunha terraza. Díxollo amablemente, entre risas, para cualificar a actitude de cotilla que mantiña, falando da xente que pasaba.

O chamado sabandixa queixábase do feas que eran as persoas que ían e viñan por diante da terraza, moitas delas comendo xeados, vestidas case todas de maneira informal. Facía escarnio especialmente dos homes gordos, pero tamén das mulleres pasadas de carnes. Nunha ocasión oínlle dicir cousas dunha maldade feroz dun home alto e delgado, de nariz eminente. Dixo que cando morrese, metido dentro da caixa, ía dar un morto horroroso. Foi entón cando o amigo lle chamou sabandixa. A min pareceume máis ben un home rabioso.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de agosto de 1995.