La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Ese escritor do que falaba onte aquí*, que dá voltas no aire, non é un caso único nin raro. Unha noite en Estrasburgo, nun congreso do ramo, un novelista sueco de orixe grega, Theodor Kalifatides, fíxonos unha exhibición a un grupo de amigos de como era capaz de subir polas paredes das casas cunha rapidez e unha seguridade que recordaba a habilidade dos lagartos. Eu nunca o vin, pero dixéronme que Javier Marías agatuña moi ben polas farolas arriba e que Luis Antonio de Villena fai o pino dunha forma impecable.

En cuestión de guarrerías, hai para todos os gustos. Desde Francisco Umbral, que lle foi mexar na tumba a Dámaso Alonso o día do seu enterro, ata un ilustre poeta, admirable pola súa obra  e polo seu talento, que tiña a debilidade da carne de mercado e que perdeu unha prenda íntima nunha casa de reputación en Rio de Janeiro.

De don Manuel Murguía contábase unha cousa que non me atrevo a dicir e das alegrías de dona Emilia Pardo Bazán non hai nada que ocultar, sobre todo despois de que se publicasen as cartas que lle escribiu a Pérez Galdós. Lástima que dona Carmen Polo, asustada dos pecados que se gardaban na caixa que contiña as deste último, as queimase no Pazo de Meirás. Con tanta habilidade, non se acaba de entender por que aos escritores lles piden opinión sobre todo e aínda non se lle ocorreu a ninguén montar un circo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de agosto de 1994.

(*) Un escritor a quen se referira Juan Benet sen citar o nome.