La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Os periódicos destes días falaron amplamente dun crime que a min sempre me fascinou, aquel que protagonizaron no ano 1952 Christoher Craig e Derek Bentley, dous rapaces ingleses que participaron nun altercado coa policía, nun tellado de Londres, no transcurso do cal morreu un dos axentes. Desde hai tempo, un periodista, John Parris, viña defendendo con argumentos moi serios a tese de que a Derek Bentley o aforcaran sabendo que era inocente. Agora, corenta e cinco anos despois, un xuíz acaba de darlle ara zón: aquel mozo de vinte anos de idade, atrasado mental a consecuencia dun accidente, non fixo nada do que lle atribuíron.

En primeiro lugar, nunca pronunciou a frase, que se faría famosa en Inglaterra, incitando ao seu compinche a matar ao policía: “Let him have it, Chris”, algo así como “Dalle o seu, Chris”. Iso foi inventado polos axentes que actuaron de testemuñas. Sacaron a frase dun crime anterior, porque lles viña ben contra Derek. Tamén ocultaron o feito de que a bala fatal foi disparada por un compañeiro do policía morto.

A Bentley non o condenaron por disparar, senón por pronunciar unhas palabras que nunca pronunciou, mentres que o autor dos disparos, Craig, que tampouco mataron a ninguén, soamente sufriu pena de cárcere e aínda vive. Os policías inventaron todo, desde a frase, ata a firma, que lla falsificaron seis veces. O presidente do Tribunal Supremo aconsellou que non houbese clemencia para o criminal. Desa mesma opinión foi o xuíz Goddard, que ditou a sentenza. Un profesor de Bentley dixo del por aqueles días que era “un cacho de humanidade totalmente inservible”. Hoxe serve para recordarnos a todos que as palabras tamén matan.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de agosto de 1998.