La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estou vendo a Blanco Amor nunha homenaxe que lle ofreceran en Ourense un par de anos antes de morrer. O ambiente era distendido, como corresponde a unha celebración desas características, e nunha especie de coloquio que se organizou ao final da charla do homenaxeado, ían e viñan preguntas e resposta, sempre nun ton amable e amistoso. Pero de pronto, ao remate, unha pregunta correcta foi contestada polo conferenciante desta maneira desabrida: “Ás veces unha pregunta tonta require unha resposta intelixente. Aí vai”.

Era unha frase. Estou case seguro de que a levaba preparada para soltar no momento que lle parecese máis adecuado e que dixo ao final, cando se decatou de que o coloquio remataba e perdía a oportunidade de pronunciala. A casualidade quixo que lle tocase lanzala contra un bo amigo del, o cal lle aseguraba tamén unha impunidade engadida á circunstancia de ser el o festexado.

Hai xente que sente un alto pracer en facer unha frase. É o que lle sucedeu o outro día ao ministro de Economía, que lle lanzou un Shakespeare mal intencionado á cabeza dos deputados do Partido Popular. Os máis brutos, ignorando a procedencia do dito, indignáronse e replicáronlle chamándolle “chulo”, que é un insulto bastante pobre, puro desafogo visceral. O procedente sería buscar na memoria cultural unha frase de volta que deixase o asunto en táboas. Pero para iso antes hai que ler a Shakespeare.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de agosto de 1992.