Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es
La Voz de Galicia
Blogs de lavozdegalicia.es
Á marxe do tempo

Os sacaúntos

31 de Agosto de 2015 a las 0:25

A tradutora que estes días está poñendo os nosos textos en alemán empezou xa cos primeiros problemas: pequenas migallas nas que un non repara cando escribe, pero que hai que resolver para que o resultado poida ser completamente comprendido. Onte pasamos practicamente o día enteiro discutindo solucións. ¿Como se pode dicir, por exemplo, “sacaúntos” nun idioma que non ten unha palabra equivalente e nunha cultura na que non existe esa figura mítica, antes tan familiar para os nosos nenos?

Parece que a cousa quedará como Kinder Schreck, que en realidade, ao pé da letra, quere dicir “asusta nenos”, máis mitolóxico e polo tanto máis próximo ao orixinal en galego, pero o conto no que se emprega transcorre nun lugar onde hai negros e estes, loxicamente, non asustan aos rapaces.

Máis complicado aínda é o que sucede con “chichimeco”, que se podería traducir como mesquiño, pero que non recollería nin o carácter musical da palabra galega nin o sentido un tanto esperpéntico que esta ten no conxunto do parágrafo no que aparece. Ao final, a tradutora optou por Korinthenkacker, que é “cagapasas”, e que se emprega para designar unha persoa tacaña e algo miserable. Desde entón, aquí falamos de cagapasas como se esta palabra existise en galego desde sempre.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de agosto de 1993.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Cancións

30 de Agosto de 2015 a las 0:30

Onte pola mañá fumos cuns amigos desde Baiona a Liméns, en barco, para pasar alí o día. Saímos con néboa, co mar convertido nun prato, sen vento. No camiño, á altura das Cíes avistamos uns arroaces que se dirixían cara ao interior da ría. Debían de ser asustadizos ou ter malas experiencias anteriores coa xente porque nos paramos para velos de preto e ocultáronse. Cando os volvimos ver, xa ían lonxe. Eu acordeime dunha banda deles que atopamos hai catro anos nas inmediacións de Nerga e que estiveron dando voltas arredor de nós, pegando pinchos no aire, quizais porque querían xogar. Como non os entendiamos, acabaron marchando.

Chegamos a Nerga algo tarde, coa comida agardando desde había un anaco: peixes feitos á grella, ao aire libre, na casa doutros amigos. Nada máis sentarnos á mesa, saíu un sol espléndido e houbo que improvisar antucas e colocar unhas farrapeiras a xeito de toldo para defenderse da calor. Eramos quince e o xantar transcorreu con alegría e cháchara informal, ata que empezou o canto.

Estes amigos que nos convidaron son moi musicais, tocan instrumentos e cantan ben. Así que,  despois do café, iniciouse unha longa sesión de cancións, na que se interpretaron unhas atrás das outras todas esas clásicas que coñece todo o mundo, pero das que case ninguén sabe as letras. Non era o caso e ademais, para os apuros, había libretos. Polo tanto, a cousa parecíase bastante a un concertó informal, é dicir, arte lanzado ao aire desinteresadamente, por puro deleite, sen máis pretensión que pasalo ben. Escuso engadir que vivimos un día excelente. Isto de poder roubarlle á vida horas de felicidade é un triunfo. A puñetera que se vaia aguantando.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de agosto de 1998.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Bichos e xente

29 de Agosto de 2015 a las 0:25

Eses comediantes aos que aludín onte aquí, que actuaban nas prazas das vilas durante o verán,  adoitaban traer animais, como dixen. Eu recordo osos, cabras, cans, coellos e uns porcos espiños da India que, se digo a verdade, a min parecéronme cochos ananos do país. Cada bicho tiña as súas grazas, pero ignoro por que razón os cans sempre facían o pallaso: vestíamos de soldados, de xente con lentes e incluso de curas. Tampouco alcanzo a comprender por que as cabras as dedicaban invariablemente a oficio de equilibristas.

Polo que respecta aos osos, en xeral eran bailaríns. Acórdome dun, creo que se chamaba Indalecio, que bailaba o agarrado cunha moza da compañía, ata que a forza de engurrar nela, acababa por tirala ao chan. Entón producíase o delirio entre os espectadores masculinos, que daban alaridos e berraban unhas barbaridades imposibles.

Teño a imaxe clara de que, polo común, estes animais artistas non gozaban de boa saúde e que tampouco resultaban moi bonitos. Normalmente estaban fracos como paus, non moi limpos, co pelo enzoufado e tiñoso e bastante pasados de idade para dedicarse a unha profesión como aquela, que demandaba algún tipo de esforzo físico e obrigaba a trasnoitar, pois as actuacións tiñan lugar sempre pola noite. O caso é que non se diferenciaban demasiado dos seus amos. Mesmo á hora de rir, a xente repartía a crueldade a partes iguais.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de agosto de 1995.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Eses africanos que veñen

28 de Agosto de 2015 a las 0:35

Eses africanos famentos que atravesan o Estreito con perigo para vir recoller as farangullas que nos sobran aos demais, tráenme á memoria un episodio sucedido hai anos nas terras da Limia, concretamente na parroquia de Sabucedo, onde un tío meu exercía de médico rural. Unha mañá terrible de frío, auga e vento, ao meu tío entroulle polo patio adiante unha grea fantasmal de homes mollados e aterecidos, con barba de días, moitos deles enfermos e con febre, e todos cheos de fame e miseria.

Eran portugueses que ían camiño de Francia. Un negreiro tiña comerciado con eles. Despois de cobrarlles un anticipo, tróuxoos dando tombos e voltas polos montes, camiñando en forma de ese ou zigzag, para que pensasen que a ruta era longa, pero sen avantar máis de doce quilómetros en varios días. Finalmente, situounos fronte ao canal de desaugue da Lagoa de Antela e díxolles que Francia estaba do outro lado.

Un bicho sen alma como este que mandaba aqueles portugueses a unha morte segura, dada a forza das augas do canal naqueles días de natureza desbordada, está sempre detrás de cada grupiño destes africanos que colle a Policía española ou que naufragan antes de chegar á terra soñada. Sempre a miseria duns lles serve a outros para gañar uns cartos. Son diñeiros podres, horrible calderilla acuñada no inferno, pura moeda de Satanás. Oxalá a teñan que gastar en medicinas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de agosto de 1992.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Adianto

27 de Agosto de 2015 a las 0:30

Hai máis de cento vinte anos, alá por 1875, o célebre marqués de Orovio, que daquela era ministro de Instrución Pública, firmou un decreto suprimindo a liberdade de cátedra. A causa, en principio, foron as explicacións de dous profesores de ensino medio de Galicia, catedráticos de ciencias, que lles explicaban aos rapaces a teoría da orixe das especies, segundo fora establecida uns anos antes por Darwin. Sometidos a expediente por impartir doutrinas que non estaban de acordo coas verdades proclamadas pola Igrexa Católica, os citados profesores recibiron a solidariedade de varios colegas seus da universidade de Santiago e do resto de España.

Este episodio cóñecese na Historia de España como a “cuestión universitaria”, que supuxo unha conmoción na vida intelectual da época, pois como consecuencia daqueles feitos abandonaron a universidade, en sinal de protesta, figuras como Castelar ou Salmerón. Outros, como Francisco Giner de los Ríos, foron expedientados e encarecerados. De aí naceu a Institución Libre de Enseñanza.

Unha batalla semellante é a que se libra estes días nalgunha parte dos Estados Unidos, onde algúns responsables do sistema educativo local pretenden que os rapaces non aprendan as ideas de Darwin, pois estiman que van en contra do que afirma a Biblia respecto da orixe dos homes e as mulleres. Se non fose porque debaixo de historias como esta hai dramas íntimos, conciencias atormentadas e dogmatismos intolerantes, non pasaría de ser unha estupidez. Con todo, non deixa de ser reconfortante que lles levemos tantos anos de adianto aos americanos. Se seguen así, de usar tan mal o cerebro poden acabar parecéndose a algúns monos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de agosto de 1999.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Unha chaqueta branca

26 de Agosto de 2015 a las 0:30

O outro día, nunha emisora de radio preguntáronme cal era para min a situación máis ridícula que se podía vivir. Respondín dunha maneira vaga e inconcreta porque nin esperaba a pregunta nin se me ocorría nada que contestar. Se a memoria me fose máis fiel naquel momento, podería contar o que lle sucedeu hai moitos anos ao meu primo Manolo de Sabucedo, o día que estreou unha chaqueta branca de liño, convertido nun brazo de mar, el que era elegante, guapo, un pouco presumido e algo chuleta.

Marchaba a Santiago, onde estudaba Dereito, alá polos anos corenta, exhibindo unha prenda e unha color que entón estaban de moda, sobre todo entre xentes que pretendían andar á última. Estou seguro de que el ía absolutamente convencido de que o seu éxito coas mulleres, que era moito, daquela se volvería arrasador.

En Xinzo subiu no autobús do Purrela, un daqueles armatostes mixtos que levaban xente e porcos, separados os cristiáns dos marráns por uns barrotes de madeira. Desde logo non era o vehículo máis adecuado para un señorito, pero os tempos non daban para máis e a dignidade das formas xeralmente gardábase debaixo dos zapatos. O caso é que o meu parente, cando se baixou do coche todo estirado, soubo por un irmán que os porcos lle comeran a metade da chaqueta. Menos mal que non lle comeron os pantalóns.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de agosto de 1996.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

A ponte de Glienicker

25 de Agosto de 2015 a las 0:30

A xenerosidade da bolsa que nos concedeu o Goberno de Berlín é tan grande que nos permite administrar o noso tempo con completa liberdade. Pola mañá escribimos nos nosos cuartos ata a hora de comer. O Freixanes anda a voltas cun conto onde hai unha cobra enorme polo medio, polo cal está empeñado en ir esta tarde ao zoo de Berlín, un dos mellores do mundo, para ver un exemplar de serpe que gardan alí. Aínda que a min este tipo de bichos me inspiran un noxo infinito, haberá que acompañalo.

O meu cuarto, amplo e luminoso, dá ao xardín dianteiro da casa, de costas ao lago. No fondo, agradézoo. Prefiro a vista dos tileiros que a da auga, pois aqueles distraen menos e iso permite aproveitar mellor o tempo. Desde que cheguei, escribín máis na novela que en varios meses na miña casa. Que non soe o teléfono resulta un milagre eficaz.

As tardes dedicámolas a facer turismo. Onte, por exemplo, atravesamos a ponte de Glienicker, apenas a un par de quilómetros do lugar onde vivimos. Na metade estaba antes a frontera con Alemaña do Leste. Era aquí onde se intercambiaban os espías, como se ten visto tantas veces no cine. Por el saíu Anatoly Scharansky, aquel avogado xudeu que os rusos cambiaron por varios axentes en 1986. Agora, aberto ao tráfico e sen policías nin barreiras, pareceume fermosísimo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de agosto de 1993.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Cámara

24 de Agosto de 2015 a las 21:34

Pasei o día de onte estribillando coas cámaras vellas, todas elas de fol (para aqueles aos que lles soe raro esta palabra, direilles que esa é a única forma correcta de dicir en galego o que se chama “fuelle” en castelán), adquiridas en tendas fotográficas e anticuarios de media Europa. O que máis me chama a atención son dúas cousas: en primeiro lugar a súa beleza e o seu deseño; en segundo, a robustez e a calidade dos materiais empregados, o mesmo dos metáis que as lentes ou os cromados, impecables a pesar dos anos transcorridos.

Hai, sen embargo, outro pensamento que se sobrepón a estes. Penso nos seus antigos propietarios. Por exemplo, nesa persoa que no ano 1930, nalgunha cidade do centro de Europa, mercou a Voigtländer Jubilar, agora no meu poder. Non me custa evocar a felicidade do momento, pero tampouco a vida do seu dono. Seguro que pasou a guerra. Hai que imaxinalo gardando o seu tesouro, esperando tempos mellores para retratar a familia. E logo, a necesidade de vendela e a súa tristeza. Dedícolle a alegría que me deu sen sabelo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de agosto de 2000.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Vestido novo para a princesa

23 de Agosto de 2015 a las 0:35

Un profesor que nos explicaba Historia aos rapaces de bacharelato díxome un día no corredor do instituto que dona María Luísa de Parma, a muller de Carlos IV, non tiña dentes, e que ademais enganaba ao seu home cos gardas de palacio, entre eles o que despois sería o seu amante principal, Manuel Godoy, Príncipe da Paz. Superado o sentido de sacrilexio que me produciron aquelas palabras, a información do profesor avivou en min o desexo de saber máis sobre aquela muller e busquei libros para satisfacer a curiosidade.

Atopei algúns que confirmaban aqueles datos, incluso con detalles desfavorables para o rei, que neles aparecía pintado como un parvo, dunha maneira bastante parecida ao retrato cruel que Goya fixo del. Hai tempo, non obstante, lin un estudo rigoroso que defende exactamente o contrario, é dicir, a virtude da raíña.

Estes días, co asunto ese da xente de Pastrana e as monxas do lugar, ás cales acusan de quererlles levar da vila parte do seu patrimonio artístico, leo nun periódico os eloxios que un historiador lle fai á princesa de Éboli, fundadora daquel convento. Eu sempre pensei que a dona Ana a colleran na cama con Antonio Pérez, o secretario de Felipe II, e que algo tivo que ver aquel pecado co asasinato de Juan Escobedo. Desde logo non me nego a aceptar que se revise a historia, pero dóeme que a verdade sexa tan aburrida.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de agosto de 1994.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Conversa

22 de Agosto de 2015 a las 0:37

Como adiantei o outro día, estiven falando varias horas con Domingo García-Sabell sobre a morte, un tema que moitos pensarán ue é macabro. Debo dicir que o fixemos despois de comer ben nun restaurante, fumando ambos os dous uns puros enormes, mentres fóra ía un tempo excelente, pleno de luz e de sol, ideal para estar tirado nunha praia, cousa que non nos gusta nin a el nin a min. Pódese pasar un momento agradable divagando sobre un asunto como ese? Por suposto que é posible, sempre que un teña como interlocutor un home vital e optimista de noventa anos, intelixente e culto, ademais de bo contador de historias e de anécdotas.

Non vou contar aquí con detalle de que falamos porque entón lles arruíno a entrevista aos amigos do suplemento de cultura que ma pediron. Non me resisto, non obstante, a contar algunha cousa. A primeira e máis importante, que resulta moi grato falar cunha persoa desa idade e que manifesta de xeito completamente natural, sen pedanterías nin alardes, con convicción serena, que non lle teme á morte.

A segunda, a certeza clínica de que o momento exacto da morte non é nin difícil nin ingrato, senón pracenteiro, o cal non quere dicir que as horas, as semanas ou os anos previos, cando un sabe que vai morrer porque ten unha enfermidade incurable, non sexan angustiosos. A terceira e última, a confianza de que despois da morte segue habendo algún tipo de vida. Non unha vida orgánica, cando nos reintegramos na natureza e pervivimos convertidos noutra cousa, senón unha vida na que participa a nosa conciencia individual. Foi esta última crenza a que máis me conmoveu. A persoa que mo dicía, mentres falaba, sorría cuns ollos claros e vivos, moi vivos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de agosto de 1999.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net