La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Vexo na televisión un personaxe que máis que vestido vai disfrazado: sombreiro, bigote inmenso, pano de seda no pescozo, reloxo con leontina de ouro, camisa de colores, bastón con puño de prata… Todo perfectamente elixido e conxuntado, impecable. Á hora de falar, unha voz impostada de actor, supoño que nada natural, pero fermosa e agradable, traballada a conciencia para impresionar ou seducir. Os xestos na mesma dirección: nin unha man moveu sen saber o que facía na media hora longa que durou a entrevista.

Era tan divertido o espectáculo exterior que me esquecín de que había tamén un teatro interior, é dicir, a alma do entrevistado convertida para a ocasión nun conxunto sonoro de palabras. Unha frase obrigoume a prestar atención. Foi cando aquel señor dixo como se tal cousa que entre os seus defectos non figuraba a vaidade.

Recordoume a outro individuo que hai moi poucos días aínda afirmou no mesmo sitio, el que é un falabarato profesional, que amaba o silencio sobre todas as cousas. O desta ocasión declarouse humilde e desde o alto dun ego que se chega a ser unha torre e cae dela embaixo hai que recoller os restos nun caldeiro. A continuación declarou que se sentía unha persoa desinteresada e altruísta, capaz de dar a vida por unha causa. Como di Maquiavelo, os homes dan a vida polos cartos, pero entregan estes pola vaidade.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31  de xullo de 1994.