La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai un par de anos, se mal non recordo, falei aquí dunha veciña que tiña moitísimos gatos brancos, como consecuencia de que por unha razón para min descoñecida, eran os únicos a quen os cans da casa non atacaban. A cousa chegou a ser tan rara que cando estes últimos se lanzaban contra os pobres bechos, os daquela cor nin sequera fuxían. Agora resulta que outro veciño é propietario tamén duns vinte gatos. Pero estes viven todos xuntos en amor e compañía e compórtanse exactamente igual como se fosen unha manada.

Iso quere dicir que están moi ben organizados. Por exemplo, á hora de comer, teñen normas moi estritas, que cumpren non sei por que raro mecanismo biolóxico: primeiro comen as femias e as criaturas; a continuación tócalle aos machos adultos; por último, vén o turno do xefe da banda, que ás veces se ten que conformar con arrabañar as sobras, cando non lle deixan dabondo. Mentres tanto, o gato Samuel míraos de lonxe, con distancia, como se fosen a plebe. Non me gusta nada esa actitude señorita.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30  de xullo de 2000.