La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non recordo ben o ano, pero puido ser en 1963. Eu viaxara ata Madrid para asistir a unha reunión clandestina no despacho de Gregorio Peces-Barba, onde nos iamos xuntar un pequeño  grupo de estudantes de toda España que daquela estabamos empeñados en acabar co Sindicato Español Universitario. Para despistar a policía, infeliz de min, púxenme a dar voltas polo barrio, coa pretensión de que, se me viñan seguindo, podía convencelos de que andaba buscando o Café Gijón, alí cerca, lugar de encontro de escritores e artistas.

Nesas estaba, cando de pronto, pola ventá doutro café, o Teide, vin o rostro inconfundible do periodista César González-Ruano. Non sei por que, eu tíñalle tirria a aquel señor, quizais por identificalo coa cultura oficial de entón. Non digo que o mirase con odio, pero algo de furia debín poñer nos ollos. Por suposto, el nin se decatou.

Onte, en cambio, quedei feliz cando, na feira do libro antigo, atopei dúas obras daquel escritor. Hai tempo que, derrubado o sindicato estudantil e saldadas as contas co pasado, descubrín o grande articulista que era González-Ruano. Os dous libros pertenceron, segundo vexo, a un tal señor Morán, de Cartaxena, que me transmitiu tamén, entre as páxinas, montóns de artigos do autor, recortados de periódicos da época. Así que a miña carraxe de entón estaba compensada pola devoción deste home. Está ben que ao final nos acabemos xuntando.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29  de xullo de 1995.