La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Probablemente o tipo máis pintoresco de todos cantos asistían á tertulia de Vicente Risco era o periodista Julio V. Gimeno, un humorista intelixente e amargado, de indudable talento, volteriano e gozador, moitas veces embarrancado en amores por correspondencia con mulleres absolutamente disparatadas. Nunca coñecín a ninguén máis propenso a poñerse en situacións absurdas como aquel home. Enfadouse comigo porque un día me neguei a axudalo a dar un golpe de estado na súa casa para adonarse de dúas habitacións, aproveitando unha viaxe da súa muller, coa que vivía hacía anos sen falarse.

Houbo unha época en que lle deu por dicir que tiña medo de que se lle aparecese a Virxe de Fátima, cando unha madrugada volvía da redacción do periódico para a súa casa. Andaba tan obsesionado con aquelo, que mesmo tiña pensado que o que lle ía contestar se, como temía, a Virxe lle pedía que rezase un rosario pola conversión de Rusia. Máis ou  menos, se as cousas chegaban a ocorrer como imaxinaba, a súa resposta ía ser: «Mire, señora, déixese de bromas». Logo pensaba seguir o seu camiño, como se non pasase nada.

Creo que noutra época andivo anguriado cos raios, aínda que eso escoiteino de terceiros. O que si recordo ben, alá polo 1961, foi a preocupación que lle entrou porque uns astrólogos orientais predecían a fin do mundo para o vintedous de outubro daquel ano. Todas as tardes, Gimeno consultaba con Risco sobre o problema. Como don Vicente, medio en broma, medio en serio, non acababa de deixar claras as cousas, aquel bo home pasou uns días de nerviosismo. Cando chegou o día sinalado e non se producira o cataclismo, púxose a facer burla dos profetas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27  de xullo de 1990 .