La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No tren coñecín xente xenerosa, máis que egoísta ou insolidaria. Entre todos, os mellores, a parella formada polo poeta Alberto Porlan e súa muller, Gloria Mengual, que actuaba como asistenta de españois e alemáns. Pasaban o día mercando regalos para os amigos, cun entusiasmo e unha alegría que mesmo parecía que estivesen comprando cousas para eles. Un día, paseando pola rúa Arbat, en Moscova, eu descubrín nun mercado, como se fose un soño, unha preciosa cámara Leica antiga e apresureime a adquirila por cen dólares.

Como había outra, díxenlle a Alberto que aproveitase a ocasión, xa que era unha xoia. Entón confesoume que tiña un amigo fotógrafo e que lla levaría para el. Cando chegamos a Berlín, fun a unha tenda de cámaras antigas e preguntei o prezo das Leicas que trouxéramos de Rusia. O tendeiro mirou o meu exemplar con cara de sorpresa, abriu un catálogo e amosoume o prezo: o equivalente a setecentas mil pesetas. Comuniqueillo ao meu colega Alberto, que me dixo: “¡Pois vaia alegría que vai levar o meu amigo!”

Esta columna publicouse orixinalmente o 21  de xullo de 2000 .