La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nalgunha ocasión anterior, xa falei aquí da morte do último tsar, Nicolás II, que foi enterrado onte, exactamente oitenta anos despois de que fose asasinado nun dos episodios máis difíciles de xustificar da revolución soviética. As escenas que se produciron na célebre casa Ipatyev de Ekaterinburgo deberon ser das máis crueis que un pode imaxinar: a familia enteira fusilada nun cuarto; o tsarévich, un meniño de poucos anos, correndo dun lado para outro no medio das balas; as grandes duquesas, unhas mociñas adolescentes, rematadas cunha baioneta vella, que non cravaba; a tsarina Alix liquidada nunha cadeira e apuntillada cun tiro entre ollo e ollo…

Este venres pasado, antes de meter nas respectivas tumbas os restos mortais da familia imperial, introduciron tamén os féretros dos servidores que os acompañaron no mesmo tráxico final aquel día do mes de xullo de 1918. Eran o axudante de cámara, Alexei Trupp, unha señora chamada Ana Demídova, que se agarrou coas mans á baioneta, o médico, Yevgeni Botkin, e o cociñeiro, un tal Iván Jaritónov.

Este último sempre foi un personaxe que me fascinou. Aparece nas crónicas en segundo plano, sen outras referencias que o seu nome, case anónimo. Hai, non obstante, unha alusión  concreta a el no diario do tsar, que uns días antes da masacre anotou o seguinte: “As nenas están aprendendo a cociñar con Jaritónov; polas noites amasan fariña e polas mañáns cocen pan”. Non é difícil imaxinar esa escena, incluída a alegría das rapazas e do propio cociñeiro. Sempre que evoco aquel crime, vénme á cabeza esta imaxe. Por iso quero recordar aquí un home que lle ensinou a unhas nenas a facer pan. Non é un mal motivo para pasar á historia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19  de xullo de 1998 .